Este artigo é unha adaptación (máis ben debemos dicir unha traducción ao galego) dunha guía publicada polo CENT da Universidade Jaume I titulada Docència i propietat intellectual. Quins materials puc utilitzar legalment en la docència universitària? baixo licenza de atribución.
Como é de todos sabido, o profesorado das universidades españolas debe aterse escrupulosamente á Lei de Propiedade Intelectual cando publica materiais de aprendizaxe na súa aula virtual, baixo ameazas de cuantiosas multas cando se produce incumplimento dos termos da dita Lei.
Por esta razón, ante as numerosas dúbidas que lle xorden ao noso profesorado, presentamos aquí tanto as nocións básicas que cómpre coñecer sobre a propiedade intelectual, coma os tipos de materiais que podemos empregar legalmente na nosa docencia. Vaia o noso agradecemento ao equipo do profesor Jordi Adell, director do CENT, pola súa xenerosidade ao licenzar este material e tamén á profesora Linda Castañeda por publicar a tradución ao castelán no seu blog.
Que é a propiedade intelectual?
A propiedade intelectual é un conxunto de dereitos que a lei recoñece á persoa autora de calquera obra literaria, artística ou científica: P. ex. un libro, un artigo, un vídeo, unha fotografía, un gráfico, ou tamén un mapa ou un programa de computador. Por iso tamén é coñecido habitualmente coa denominación de dereitos de autor.
É importante subliñar que a Lei de Propiedade Intelectual outorga estes dereitos á persoa autora por crear a obra, sen requirir que a inscriba en ningún rexistro nin que faga constar na obra unha declaración explícita de copyright ou o símbolo ©. Por iso mesmo non podemos dar nunca por suposto que podemos utilizar libremente calquera material atopado na internet. Todas as obras, polo feito de seren creadas por alguén, están suxeitas a dereitos de propiedade intelectual aínda que non o indicaran expresamente. E para utilizalas necesitamos autorización dos titulares dos dereitos.
Os dereitos de propiedade intelectual recoñecidos pola lei son de dous tipos:
- Dereitos morais ou persoais
Decidir sobre a divulgación da obra, esixir o recoñecemento da condición de autor/a e o respecto á integridade da obra, etc.
2. Dereitos patrimoniais ou de explotación
Reprodución da obra, comunicación pública, distribución, transformación, etc. Trátase de dereitos relacionados coa explotación económica da obra.
Os dereitos morais son inalienables (non se poden ceder a outras persoas) e irrenunciables durante toda a vida do autor/a. Os dereitos de explotación, con todo, son transmisibles: Pódense ceder, sempre por escrito e coas condicións pactadas, a outras persoas ou entidades. É o que pasa, p. ex., co contrato de edición dun libro: o autor ou autora cede a unha editorial os dereitos de explotación do libro – a fin de que o publique, o distribúa e o venda – a cambio de recibir unha porcentaxe das vendas. Esta adquisición de dereitos ten un límite temporal (por defecto cinco anos) e pódese facer en exclusiva (os dereitos cedidos pasan a mans da outra persoa ou entidade) ou sen exclusiva (o autor/a retén os dereitos e pode continuar exercendo os mesmos).
Como consecuencia desta posible cesión de dereitos, o autor/a dunha obra non é sempre titular de todos os dereitos de explotación. Podería tamén ser titular dalgúns dereitos, p. ex., a editorial con quen se acordou a publicación da obra.
O dereito de reprodución e o de comunicación pública son os dous dereitos de explotación que máis temos que ter en conta na docencia. Escanear un libro ou un artigo, por exemplo, enténdese como un acto de reprodución. Colgalo nunha web sería un acto de comunicación pública.
O marco xurídico e as dúas tradicións
Os dous tipos de dereitos de propiedade intelectual correspóndense grosso modo con dúas tradicións xurídicas: o droit d’auteur (Dereito de autor) continental (promovido a partires da Revolución francesa) e o copyright anglosaxón (literalmente “dereito de copia”). Ambas as tradicións converxen na lexislación internacional a partires do Convenio de Berna (1886), asinado por España entre moitos outros estados. A Lei de Propiedade Intelectual española pódese consultar no texto refundido aprobado por Real Decreto Lexislativo 1/1996 e modificado pola Lei 21 /2014.
Que materiais podo utilizar legalmente na aula Virtual?
Hai dúas maneiras de poñer materiais a disposición dos estudantes na aula Virtual: colgar ficheiros na aula Virtual ou como ligazóns externas a páxinas doutras webs.
As ligazóns a obras dispoñibles noutra web son xuridicamente máis seguras. Pódense publicar sempre que non nos conste que a obra enlazada estea distribuída de maneira ilícita. Xa sabedes que a biblioteca da nosa universidade proporciónanos numerosos recursos de texto completo que se poden enlazar facilmente. Pódense atopar libros e artigos no portal de revistas electrónicas , no de libros electrónicos ou desde o RUC (repositorio institucional da UDC).
Tamén se poden inserir libremente imaxes e vídeos que residan noutras webs, sempre que estas webs faciliten un código de inserción. Neste caso teñen unha consideración similar ás ligazóns. Así, p. ex., os vídeos de YouTube ou de Vimeo.
En canto aos ficheiros, pódense colgar legalmente na aula Virtual os tipos de obras ou fragmentos de obras seguintes:
- Obras propias cuxos dereitos non se cederan a ninguén en exclusiva.
- Obras doutros autores/as, con autorización expresa dos titulares dos dereitos.
- Citas
- Fragmentos breves e imaxes (ilustración para o ensino).
- Capítulos de libros, artigos de revistas ou fragmentos equivalentes a un 10% do total da obra.
- Obras que se publicaran con licenzas Creative Commons.
- Obras de dominio público.
Na seguinte infografía tedes recollidos os detalles e as condicións baixo as que se poden publicar tanto ligazóns coma ficheiros (premede nos + para informarvos ben de cada ítem):