III Xornadas de Innovación Docente: un ano máis que compartimos, debatimos e aprendimos xuntos.

Hai uns días que remataron as III Xornadas de Innovación Docente da UDC e queremos, coma sempre, compartir con vós os resultados e impresións que fomos recollendo durante os dous días que durou esta edición.

Temos que dicir que en xeral, quedamos coa idea de que este ano melloramos en bastantes aspectos con respecto a edicións anteriores e queremos que saibades que ese optimismo e esa enerxía positiva debémosvola a todos e todas os que asististes. Por iso, e ante todo, MOITÍSIMAS GRAZAS.

20181108_093820
Inauguración oficial das III XID polo reitor Julio Abalde, a vicerreitora Nancy Vázquez e o decano da fac. de CC. da Educación, Manuel Peralbo.

Imos pois cos datos:

  • O programa

Como podedes ver no programa, esta edición – seguindo as vosas suxerencias do ano anterior- tratamos de facela máis dinámica repartíndoa en dous días e reducindo os horarios de tarde. Coidamos que isto facilitou bastante a asistencia.

  • O público

Por outro lado, seguramente grazas ao traballo de difusión no que colaborou moitísimo o noso relator convidado Antonio Fernández-Coca, o número de inscritos incrementouse significativamente respecto de edicións anteriores chegando a superar os 200 inscritos este ano.

  • O relator convidado: Antonio Fernández-Coca

Como era de agardar, a charla do noso convidado non só non defraudou, senón que batiu récords de asistencia con respecto a edicións anteriores e tivo unha grande repercusión, como veremos logo, nas  redes. Isto débese ao inxente traballo transmedia que fixo Antonio programando unha serie de chíos e de vídeos na súa canle de youtube, que ían publicándose secuencialmente segundo avanzaba a súa charla. Xenial!

  • Comunicacións, pósters e paneis de experiencias

Tamén seguindo as vosas suxerencias, aprobáronse un maior número de comunicacións e pósters con respecto a anos anteriores (39 comunicacións, 4 paneis de experiencias e 23 pósters). Asimesmo, agrupáronse as mesas de comunicacións por áreas temáticas para facilitarvos a selección de mesa aos asistentes. O que non logramos foi agrupar todas as mesas nunha soa planta da facultade tal como demandastes na edición anterior. Isto débese a que son días lectivos e dependemos das aulas nas que non haxa clases.

  • GIEncontros

Como novidade nesta edición, integráronse no marco das xornadas os GIEncontros cuxo obxectivo era a posta en común do traballo que realizaron os Grupos de Innovación Educativa da UDC. Coidamos que aquí foi onde tivemos máis problemas de organización debido á masiva asistencia dos integrantes dos GIE que dificultou a xestión dos tempos de intervención de cada un. Temos máis de 70 GIEs rexistrados e só 30 deles confirmaran inicialmente a súa asistencia, sen embargo, acudiron prácticamente a totalidade. Por esta vez, quedámonos con ese dato positivo do interese suscitado por este encontro. O ano que vén, tentaremos organizalo doutro xeito para darvos voz a todos os interesados.

20181109_121658
A vicerreitora Nancy Vázquez moderando os GIEncontros
  • Clausura e entrega de diplomas do PFI

Para rematar tivemos un acto moi emotivo onde o director do Cufie, Enrique de la Torre e a Vicerreitora Nancy Vázquez entregaron os diplomas aos profesores noveles que remataron con éxito o novo plan bianual de formación en modalidade integramente virtual posto en marcha polo Cufie. Parabéns a esa nova canteira docente da UDC!!

Dous días pois cargados de experiencias e emocións que sempre nos deixan un pouso de tristura cando rematan e unha inmensa ansia de superación para a seguinte edición.

Aquí podedes ver todos os chíos deses dous días en Twitter: https://twitter.com/i/moments/1060167535096745984 cos que logramos 7.700 impresións. Tamén en Facebook, a nosa páxina gañou 10 seguidores  novos durante a semana das Xornadas.

Para rematar, velaquí os resultados da enquisa de valoración que moi amablemente cubristes moito/as do/as asistentes:

Coma sempre, ficamos moi atentos aos resultados e aos comentarios e suxerencias que nos facedes chegar. Unha aperta e ata as próximas xornadas!!

 

 

Deixar un comentario