VI Xornadas de Innovación Docente. Valoracións e resultados

Un ano máis queremos compartir con vós os resultados dunha nova edición das Xornadas de Innovación Docente organizadas polo Cufie co apoio da Vicerreitoría de Planificación Académica e Innovación Docente.

A sesión presencial desta edición celebrámola o día 20 de maio de 2022 baixo o lema Contextos universitarios transformadores: a innovación como eixo vertebrador da docencia. Velaquí un percorrido polas distintas actividades realizadas:

A participación

De acordo coas preferencias que manifestastes nas valoracións da edición anterior, nesta ocasión optamos polo formato híbrido. Mantivemos a participación docente en formato vídeo-comunicación que tan ben funcionou na edición pasada pero, dado que a situación sanitaria mellorou considerablemente, quixemos favorecer o reencontro presencial na facultade de CC. da Educación para volver a vernos as caras e compartir sensacións e experiencias. Así foi como o día 20 nos volvimos a encontrar para asistir ao relatorio plenario, aos obradoiros prácticos e á entrega de premios.

Esta foi a secuencia temporal desta edición:

Nesta ocasión inscribíronse 193 persoas e presentáronse un total de 54 vídeo-comunicacións. Ambas cifras están case á par coas da edición anterior, sen embargo temos que dicir que o formato híbrido non favoreceu a asistencia na mesma medida, pois asistiron aproximadamente a metade das persoas inscritas. Na edición anterior en cambio, mantívose constante a asistencia ao longo dos dous días celebrados en modalidade virtual.

A homenaxe

Durante o acto de inauguración das xornadas a cargo das autoridades académicas, tivo lugar unha homenaxe moi emotiva para todo o equipo do Cufie dedicada ao noso anterior director: o profesor Enrique de la Torre. Para nós Enrique foi un pilar fundamental ao longo de todos estes anos e sen el nunca chegaríamos a ser o equipo consolidado que somos a día de hoxe. Por iso, esta merecida homenaxe por parte do reitor e da vicerreitora Nancy Vázquez en recoñecemento á súa labor, foi especialmente emotiva para nós.

O relatorio plenario

Levábamos tres anos intentando traer a un convidado moi especial e por fin lográmolo para esta edición: o noso relator convidado foi nada menos que o profesor Alfredo Corell Almuzara, catedrático de inmunoloxía e coñecido divulgador televisivo. Corell acadou moita sona por mor da pandemia grazas aos seus coñecementos sobre o virus da Covid-19, pero para nós tiña especial interese a súa faceta como educador, que lle reportou numerosos premios nacionais e internacionais.

Como era de agardar, non defraudou e compartiu con nós moitas das iniciativas que levou a cabo desde as aulas da Universidade de Valladolid, e tamén algunha que outra interesante anécdota.

Deixámosvos a gravación da súa conferencia para que non perdades detalle:

Os obradoiros

Para impartir os obradoiros prácticos, este ano optamos por lanzar ao noso PDI unha convocatoria de propostas da que resultaron moitas ideas interesantes. O límite no orzamento obrigounos a seleccionar 5, pero agardamos repetir convocatoria o ano que vén porque pensamos que foi un éxito. Estes foron os 5 obradoiros que se impartiron:

  1. Como crear un entorno persoal de aprendizaxe. Da teoría á práctica. Víctor Arufe Giráldez
  2. Design Thinking como metodoloxía docente. Elena Arce Fariña
  3. Planificación e seguimento dos traballos académicos TFG/TFM: Unha proposta de mellora. Susana Rodríguez Martínez
  4. Traballo en equipo: o proceso si que importa. Cristina Anido Martínez
  5. A importancia do relato para materias con impacto: aplicación da metodoloxía Aprendizaxe-Servizo. Isabel Novo Corti e María Cendán Castillo.

Os premios

A boa acollida da edición pasada levounos a convocar a 2ª edición dos premios “Mellor experiencia docente”. Nesta ocasión, contamos co patrocinio de tres cátedras da UDC que achegaron financiación para outorgar os galardóns, concretamente unha tablet de alta gama por cada premio:

  • Dous premios á “Mellor experiencia docente 2022” patrocinados pola Cátedra Vegalsa-Eroski de Compromiso social, Comunicación e Reputación corporativa  e pola Cátedra R en Ciberseguridade.
  • Un premio especial “Mellor experiencia docente 2022 en materia de atención á diversidade ” patrocinado pola  Cátedra NNTT Data en Diversidade e Tecnoloxía

O xurado estivo formado polos directores das cátedras e por dous profesores en representación das outras dúas universidades galegas, que se enfrontaron ao difícil reto de decidir entre as 10 propostas máis valoradas na fase de votación do público:

  • Alexandre Sotelino Losada. Profesor da USC. Membro do grupo de Investigación ESCULCA.
  • Jorge Soto Carballo. Vicerreitor do Campus de Pontevedra da UVIGO e Doutor en CC. da Educación.
  • Carmen Costa Sánchez. Directora da Cátedra Vegalsa-Eroski de Compromiso social, Comunicación e Reputación corporativa
  • Luis Hervella Nieto. Director da Cátedra NNTT Data en Diversidade e Tecnoloxía
  • José Carlos Dafonte Vázquez. Director da Cátedra R de Ciberseguridade

Finalmente as experiencias premiadas foron:

  • Uso de Instagram como ferramenta docente da materia de Ortopodoloxía Clínica do Grao en Podoloxía. Fátima Santalla Borreiros, Manuel Romero Soto, Sergio Pérez García e Pedro Gil Manso. Patrocinado pola Cátedra Vegalsa-Eroski de Compromiso social, Comunicación e Reputación corporativa
  • Proxecto Soka. Música e teatro para a toma de conciencia  sobre a violencia escolar. Rocío Chao Fernández, Aurelio Chao Fernández e Francisco C. Rosa Napal. Patrocinado pola Cátedra R de Ciberseguridade. 
  • Premio especial en materia de Atención á diversidade: Bibliodiversidade sonora. APS para a educación en diversidade afectivo sexual. Teresa Piñeiro Otero, Renèe de Palma Úngaro e Ana María Amigo Ventureira. Patrocinado pola Cátedra NNTT Data en Diversidade de Tecnoloxía. 

Podes ver en vídeo a entrega de premios nesta ligazón.

As valoracións

A vicerreitora Nancy Vázquez facía alusión na súa presentación das xornadas á importancia de darlle pulo á calidade da docencia para poñela á par da carreira investigadora, posto que ambas facetas son igual de relevantes e trascendentes para as institucións académicas.

Coidamos que estas xornadas son unha importante contribución ao logro dese obxectivo, e así nolo deixades ver a través dos resultados das vosas valoracións.

Coma cada edición, queremos darvos as grazas polos vosos comentarios e pola vosa participación. Agardámosvos a todo/as o ano que vén.

Velaquí os resultados das vosas valoracións:

E despedímonos ata a próxima con un vídeo-resumo das VI Xornadas: