“El CUFIE como motor de cambio y de actualización permanente en la UDC”

Este foi o título elixido para a conferencia que impartimos o pasado xoves 24 de febreiro na Escuela Nacional de Estudios Superiores de León, pertencente á Universidad Autónoma de México.

Fomos convidados polos nosos homólogos do LIDIE (Laboratorio Interdisciplinario para la Docencia e Innovación Educativa), que é un centro moi similar ao noso alí. O LIDIE amosou moito interese por coñecer como nos organizamos e sobre todo, interesáronse polas actividades de fomento da inclusión educativa e da innovación docente.

Na exposición participamos o noso director, José A. García Naya e os tres técnicos do CUFIE: Sonia Seijas, David Fociños e Ana Peña.

O evento emitiuse por Zoom e por FacebookLive ao mesmo tempo, superando os 250 espectadores entre ambos canais. Foi pois unha excelente ocasión para dar a coñecer fóra das nosas fronteiras a nosa universidade e o traballo que desenvolvemos aquí.

Confiamos en que ademáis, esta participación sexa o xerme de unha fructífera colaboración entre as dúas institucións.

Gustaríavos ver a presentación que empregamos para a nosa exposición? Facendo clic Aquí ou na imaxe inferior podedes visualizala.

Esperamos que vos guste. Dádenos feedback nos comentarios!

Maio de estreas UDCMOOCs

Os cursos MOOC ou cursos masivos e abertos, constitúen un fabuloso escaparate para dar a coñecer a grande calidade da formación que se imparte nas nosas aulas e para situar á Universidade da Coruña no mapa mundial da formación en aberto . Desde o ano 2017 que lanzamos o primeiro MOOC, inscribíronse nos nosos cursos máis de 7.300 persoas dun total aproximado de 70 países diferentes.

Grazas á incorporación do profesor Manuel García Torre ao equipo do CUFIE, puidemos avanzar substancialmente no traballo de gravación e edición de cursos MOOC que quedara parado pola pandemia.

É por iso que no que vai de ano se impartiron xa dous cursos na plataforma MiríadaX:

No mes de maio imos estrear dous novos cursos que agardamos que sexan de grande interese:

Construcción naval e Industria 4.0

Ademais, impartirase tamén en maio a 3ª edición dun dos nosos mooc máis exitosos:

Sostenibilidad en la era del Big Data

Nas ligazóns que hai debaixo de cada vídeo podedes inscribirvos gratuitamente se algún curso vos interesa. Comezamos o día 3 de maio! Agardámosvos!

Pasamos revista ao 2019

Como dicía o poeta, Fugit irreparabile tempus e aquí estamos un ano máis facendo balance do andado nestes 365 días do 2019 que chegou á súa fin.

Ao igual ca todos os anos, queremos felicitarvos estas festas con este pequeno vídeo, darvos as grazas polo voso apoio e enviarvos os nosos mellores desexos para o vindeiro ano 2020:

Para nós foron meses de intenso traballo  por parte de todas as unidades que compoñen o CUFIE. Velaquí vai unha relación resumida das accións máis destacadas:

  • Desde a Unidade de Atención á Diversidade organizamos as IV xornadas sobre diversidade na UDC que este ano estivo dedicada á diversidade funcional cognitiva e na que participaron entidades tan interesantes como Plena Inclusión ou A quinta da Arte. A xornada foi de balde pero fíxose unha recollida de alimentos para a cociña económica coas aportacións das persoas asistentes.Jornadas A.C. (1)
  • Con motivo do Día Internacional das Persoas con Discapacidade, celebrado o 3 de decembro, dende a nosa universidade, encargada da coordinación do Grupo de Comunicación da Red SAPDU dentro de CRUE-Asuntos Estudiantiles, lanzamos por segundo ano consecutivo unha campaña, este ano denominada #DecalogoSAPDU, na que, a través dun vídeo, poñíase en valor o traballo de todos os servizos de atención das universidades recollendo os valores e principios que aplicamos no noso día a día. A nosa universidade foi a encargada de dar forma a eses principios e crear o vídeo.
  • Un dos nosos estudantes de prácticas deste 2019, Iván Vázquez, é moi activo nas redes e nos medios de comunicación e axudounos a dar visibilidade á Unidade de Atención á Diversidade a través dunha reportaxe da TVE para o programa “En lengua de signos“.
 
  • Un ano máis, o proxecto Espazo Compartido segue a formar a rapazas e rapaces con discapacidade intelectual dentro da nosa universidade. Este ano incorporouse a IV promoción deste proxecto, e a segunda xa como título propio da UDC. No 2019 fixemos unha Xornada Formativa de Emprego con Apoios como base para a mellora da empregabilidade do noso alumnado. espazo compartido logo

Álbum do Premio Innovación MiríadaX

Como sabedes, o pasado martes 22 acudimos a Madrid á gala de entrega de premios Innovación MiríadaX logo de quedar entre os 10 finalistas ao mellor MOOC do ano co curso “Música para el siglo XXI: aportaciones del software libre a la educación musical”. Este curso, deseñado e impartido en colaboración coa Universidade de Cádiz, foi seleccionado entre máis de 89 candidaturas de 8 países diferentes. Para nós, que acabamos de iniciarnos neste mundo da formación aberta e masiva, estar aí entre os mellores era de por si un auténtico premio ao esforzo e ao traballo de tantos meses.

Desde a idea inicial, que partiu de dúas profesoras que son un exemplo de constancia e tesón – Rocío Chao e Sara Román- ata o producto final, houbo un longo camiño de procura de medios materiais e humanos, de trámites burocráticos e de horas, moitas horas de traballo por parte dos equipos docentes e técnicos de ambas universidades. Desde logo, todos e todas coincidimos en algo: mereceu moito a pena.

Para que vos fagades unha idea rápida da visibilidade que estes cursos outorgan á nosa universidade aquí vos deixamos un mapa co número de inscritos por países:

En definitiva, acudimos a Madrid a profesora Rocío Chao e mais eu, a técnica de teleformación do CUFIE, acompañadas do vicerreitor de Economía, Domingo Calvo en representación da Universidade da Coruña. Alí tivemos ocasión de coñecer persoalmente ao equipo de profesionais de MiríadaX, aos que temos que agradecer profundamente a súa amabilidade e dedicación, así como tamén ao resto de finalistas de outras universidades tanto nacionais como internacionais. Aínda que, como dicía, para nós ese xa foi de por si un premio, resultamos agraciados con un dos catro recoñecementos que figuraban nas bases da convocatoria.

E, como non todo ía ser traballar, tamén fomos convidados a un estupendo almorzo na propia sede de MiríadaX. Unha honra que esperamos repetir en edicións posteriores e… por que non? aspirar a gañar o primeiro premio!

Aberta inscrición para o novo MOOC da UDC sobre Diversidade Funcional

Comeza un novo ano e nós dámoslle a benvida con unha estrea inmellorable: un novo curso MOOC titulado “Tecnologías para la participación activa en la diversidad funcional”. Se vos interesan as tecnoloxías e ademais traballades ou convivides con persoas con diversidade funcional, este curso pode ser o voso mellor obxectivo para este ano novo.

cartel curso mooc

Como vedes no cartaz, está aberta a inscrición ata o próximo 13 de xaneiro na plataforma MiríadaX

O curso é gratuíto e só tedes que crear unha conta para poder acceder a todos os seus contidos e actividades. Ten unha duración de 4 semanas con unha dedicación estimada de 4 horas de estudo por semana. Este MOOC, fai un interesante percorrido polos distintos produtos tecnolóxicos que permiten fomentar a autonomía das persoas con diversidade funcional e tamén por aplicacións e software que se pode empregar para ese mesmo fin como Scratch ou Makey-Makey. O equipo docente está formado polos seguintes profesores doutores da Universidade da Coruña: Javier Pereira, Thais Pousada, Betania Groba e Laura Nieto. Ao remate, teredes opción de solicitar un certificado de superación do curso que acreditará os vosos coñecementos.

Aquí vos deixamos o vídeo de presentación que fai un resumo das principais liñas temáticas e actividades do curso:

Verdade que é interesante? Pois inscríbete e difunde!!

2018. Resumo doutro ano que chega á súa fin

Remata un ano máis e quixemos despedilo con un vídeo de todo o equipo felicitándovos o nadal a todas as persoas que nos apoiades e que colaborades coas nosas iniciativas e proxectos. Grazas de corazón a todos e todas por dar sentido ao noso traballo:

Para nós foi un ano intenso de traballo este 2018 que afrontamos con ilusión, como sempre facemos con todo aquilo no que nos embarcamos. Facemos a continuación un resumo breve das nosas actividades:

  • Continuamos coa renovación dos distintos Planos de Formación que xestionamos engadindo novos cursos e ampliando a oferta de cursos en liña pola alta demanda e aceptación que teñen.
  •  Ampliamos a colaboración con outros servizos da UDC coordinando accións formativas e xornadas. Concretamente, á colaboración coa Escola Internacional de Doutoramente e co Servizo de Bibliotecas que viñamos mantendo, sumamos este ano outra co CITIC, a través dun interesante curso semipresencial que foi todo un éxito:

logo-programaformativo

  • Actualizamos a nosa web para facilitarvos a navegación e a localización dos distintos servizos que ofertamos.
  • Lanzamos a principios deste ano a I Convocatoria de MOOCs (Cursos Masivos Abertos en liña) da Universidade da Coruña nunha aposta firme por parte da Vicerreitoría de Oferta Académica e Innovación Docente pola difusión do coñecemento en aberto que dará un importante impulso á proxección internacional da nosa universidade. promocion-udcmoocsAdemais, estamos moi felices porque tivemos a honra de quedar entre os 10 finalistas ao Premio Innovación Educativa MiríadaX 2018 co noso primeiro MOOC impartido nesta plataforma: “Música para el S.XXI: Aportaciones del Software Libre a la educación musical”

portada-musicaSXXI

Neste momento estamos ultimando o seguinte MOOC que se impartirá en Xaneiro do 2019 en MiríadaX. Estade atentos porque estamos seguros de que será un éxito tamén 😉

  • Foi un ano intenso de viaxes para nós porque acudimos, en representación da UDC,a multitude de congresos e eventos relacionados coa Innovación e coa Atención á Diversidade en distintos puntos da xeografía española: Alicante, Zaragoza, Girona, Tenerife, Madrid e Murcia.
  • Celebramos a III Edición das Xornadas de Innovación Docente da UDC onde compartimos experiencias e reunimos, como novidade este ano, aos integrantes dos GIEs para poñer en común o traballo realizado no marco dos grupos. Tamén entregamos diplomas á primeira promoción de docentes noveles formados co programa bianual de formación PFI en formato integramente virtual.

  • Como resultado das vosas achegas á II edición das Xornadas, publicamos este ano o primeiro volume da colección dixital Contextos Universitarios Transformadores: retos e ideas innovadoras, que recolle as comunicacións e pósters das xornadas.
  • Certificamos una nova convocatoria de proxectos de Aprendizaxe-Servizo que se desenvolveron durante o curso 2017/18 nas aulas da UDC.
  • Desde a Unidade de Atención á Diversidade organizamos as III xornadas sobre diversidade na UDC que este ano estivo dedicada ás enfermidades raras “Outra forma de voar”, que tivo unha grandísima acollida, con relatores da talla de Assier de la Iglesia, xogador do Ordizia-Basoa Banaketak, que nos contou a súa experiencia como afectado de Esclerose Múltiple e o seu proxecto
  • Con motivo do Día Internacional das Persoas con Discapacidade, celebrado o 3 de decembro, dende a nosa universidade, encargada da coordinación do Grupo de Comunicación da Red SAPDU dentro de CRUE-Asuntos Estudiantiles, lanzamos a campaña #MasQServicios a través dun vídeo que daba a coñecer o traballo da rede de unidades de atención á diversidade das universidades españolas. A campaña foi froito do traballo colaborativo de toda a rede e recolleuse e editouse en formato vídeo dende a nosa universidade.
  • Un ano máis, o proxecto Espazo Compartido segue a formar a rapazas e rapaces con discapacidade intelectual dentro da nosa universidade. Este ano o alumnado realizou o seu primeiro período de prácticas e comezou a súa andaina no seu segundo e derradeiro ano. Tamen conseguimos o seu recoñecemento como título propio na UDC, o que o asenta como un proxecto estable e unha iniciativa de responsabilidade social dentro do ámbito universitario. O 9 de febreiro deste ano o Campus de Ferrol acolleu a segunda xornada de traballo da rede de programas universitarios para a inserción laboral de persoas con discapacidade, que neste vindeiro 2019 nos levará a Granada.espazo compartido logo

 

Pois este foi, dun xeito resumido, o noso ano 2018. Como non paramos, estamos xa argallando novos proxectos que sacaremos á luz durante o 2019. Esperamos que sexa un bo ano para todos e todas!! unha aperta de todo o equipo do CUFIE!

Somos finalistas ao premio Innovación Educativa MiríadaX!

Estamos contentísimos de anunciar que Música para el S.XXI: aportaciones del sotfware libre a la educación musical, o 1º MOOC lanzado pola Universidade da Coruña en colaboración coa Universidade de Cádiz está entre os 10 finalistas ao premio Innovación Educativa MiríadaX 2018. Non podemos estar máis felices por este recoñecemento ao excelente traballo tanto do/as nosos docentes como dos compañeiro/as da Universidade de Cádiz. No caso da UDC, todo o proceso de deseño, gravación e edición dos cursos MOOC estase a coordinar desde a Unidade de Teleformación do CUFIE. Ademáis, para este primeiro curso MOOC, contamos coa inestimable colaboración do servizo técnico de audiovisuais da Facultade de CC. da Comunicación da UDC, así como con alumnado bolseiro desta mesma facultade. Vaia este recoñecemento tamén para eles!

O noso MOOC foi seleccionado entre 89 candidaturas de 44 universidades de 8 países diferentes. Nunha primeira fase analízanse as enquisas de opinión do alumnado dos cursos, a taxa de finalización acadada, o deseño e a dinamización titorial. Ademáis faise unha revisión por pares realizada por docentes que impartiron cursos mooc. Na segunda fase, un comité editorial analiza e avalía a documentación da primeira fase e escolle aos 10 finalistas que optarán ao galardón. Este ano SOMOS os seguintes (por orde alfabética):

finalistasfinalistas2finalistas3

 Como podedes ver, competimos con universidades moi potentes e con moita experiencia no campo dos MOOC. Aproveitamos para transmitir a nosa felicitación ao resto de finalistas. Para nós xa é todo un premio compartir espazo con eles nesta listaxe, agora queda agardar ao día 19 de novembro que será cando o xurado emita o seu veredicto.

Desexádenos sorte!! 🙂

Hoxe falamos de #MOOCS con ÁNGEL FIDALGO

Un-café-con-Banner

No marco das accións encamiñadas a formar ao profesorado da UDC que está a deseñar os seus cursos MOOC, convidamos a un experto con grande experiencia e premiada traxectoria neste ámbito: o profesor Ángel Fidalgo, da Universidade Politécnica de Madrid. Seguramente moitos de vós o coñecedes grazas ao seu blogue Innovación Educativa ou mesmo fostes alumnos dalgún dos seus Moocs en MiríadaX.

angelfidalgo-taller

Imaxe do Obradoiro que o profesor Fidalgo impartiu no CUFIE o pasado 3 de maio

O caso é que aproveitando que o profesor Fidalgo se desprazou á Coruña para impartir aos nosos profesores un obradoiro de elaboración de MOOCs, prantexámoslle algunhas cuestións como:

  • Son os MOOC unha moda que xa pasou ou seguen estando vixentes?
  • Deben as universidades facer unha aposta seria polos MOOC?
  • Que poden aportar aos profesores?

Non só se prestou moi amablemente, senón que ademáis, grabou en vídeo toda a entrevista e púxoa a disposición de todos nós. Aquí podedes vela (e pedimos desculpas polas faltas de ortografía do texto, pois a idea inicial non era que fose público):

Moitísimas grazas profesor polo obradoiro, polos azos e por facernos máis doado o camiño aos que comezamos a andadura!

 

 

#UDCMOOCS

Unha das razóns polas que estivemos “desaparecidos” deste blogue foi este novo proxecto no que estamos xa mergullados de cheo desde finais do ano pasado. Algo vos avanzabamos, se lembrades, sobre el no noso último post: a Universidade da Coruña vai lanzar ao longo do ano 2018 os seus primeiros cursos MOOC.promocion-udcmoocs

O termo MOOC (Massive Online Open Courses) foi acuñado por Dave Cormier e Bryan Alexander no ano 2008 en referencia ao curso “Connectivism and Connective Knowledge” organizado por George Siemens e Stephen Downes, profesores da Universidade de Manitoba (Canadá). Naquel curso matriculáronse preto de 2.500 persoas! pois a filosofía que subxace a este tipo de cursos é a do coñecemento aberto, en rede, onde miles de persoas poden colaborar e aprender dun xeito interconectado, colaborativo e gratuíto. En realidade, o fenómeno MOOC nace intimamente ligado ao precedente que sentaron iniciativas de impulso ao coñecemento aberto como foron a OCW (Open Course Wear) ou os REA (Recursos Educativos Abertos).

NUBE-MOOCS-senmarco

Aquí podedes escoitar ao propio Dave Cormier explicando o concepto MOOC:

O verdadeiro boom dos MOOCS produciuse a partires do ano 2012, que foi nomeado como “ano dos MOOCs” polo xornal The New York Times debido ao auxe que estes cursos experimentaron entre as universidades americanas da man de plataformas coma EdX, Coursera ou Udacity. Aquí en España o crecemento foi tamén espectacular, como pode apreciarse no mapa xa no ano 2015 o noso país era o 1º de Europa en número de cursos MOOC publicados:

moocs-datos2015

Nº de Mooc por países. Datos do ano 2015. Fonte: Informe MOOC y criterios de calidad (p. 8) CrueTic.

Se ben é certo que esa euforia inicial se foi apagando un pouco debido a aspectos controvertidos dos MOOC como son o elevado grao de abandono ou a escasa calidade pedagóxica que algúns críticos lles achacan, tamén o é que a día de hoxe practicamente todas as universidades se sumaron xa a esta iniciativa ou están a facelo neste momento. Polo tanto, a teoría de que isto era unha moda pasaxeira ou un experimento de márketing semella superada pola evidencia de que, dun xeito ou doutro, este é un fenómeno que chegou para quedarse.

A UDC, se quere apostar pola innovación e pola achega do coñemento á sociedade, non pode permitirse quedar atrás e por iso asinamos un convenio a finais do pasado ano con  MiríadaX, a primeira plataforma de MOOCs no ámbito hispano, que nos vai permitir dar difusión aos nosos cursos MOOC. A comezos de febreiro deste ano lanzamos a Primeira Convocatoria para a elaboración de MOOCs da Universidade da Coruña que tivo unha grande acollida por parte dos nosos docentes e que deu como resultado a aprobación de 5 interesantes proxectos nos que estamos xa traballando arreo e que agardamos que vexan a luz proximamente.