Como dicía o poeta, Fugit irreparabile tempus e aquí estamos un ano máis facendo balance do andado nestes 365 días do 2019 que chegou á súa fin.
Ao igual ca todos os anos, queremos felicitarvos estas festas con este pequeno vídeo, darvos as grazas polo voso apoio e enviarvos os nosos mellores desexos para o vindeiro ano 2020:
Para nós foron meses de intenso traballo por parte de todas as unidades que compoñen o CUFIE. Velaquí vai unha relación resumida das accións máis destacadas:
- Como cada ano, incorporamos novos cursos aos nosos Planos de Formación, tanto presenciais coma virtuais.
- Ampliamos a colaboración con outros servizos da UDC coordinando distintas accións formativas:
- Ciencia y Sociedad. En coordinación co CICA
- A economía circular no marco da Axenda Mundial 2030 e o cumprimento do obxectivo de desenvolvemento sostible nª12. En coordinación co Campus de Sostibilidade.
- Iniciación á Lingua de Signos. En coordinación coa Vicerreitoría do Campus de Ferrol e Responsabilidade Social.
- Formación sobre a igualdade entre mulleres e homes e a prevención da violencia de xénero. En coordinación coa Facultade de Ciencias da Educación.
- Autoemprego con apoios en iniciativas de economía azul. En colaboración con Medatlantia.
- Políticas de igualdade e prevención e sensibilización contra a violencia de xénero. En coordinación coa AFIX.
- Obradoiro sobre deseño aplicado de procesos participativos de traballo colectivo e multidisciplinar.En coordinación coa Vicerreitoría de Estudantes, Participación e Extensión Universitaria.
- VIO7: Ver para erradicar. En colaboración con ACADAR.
- Lanzamos tres publicacións, dúas dixitais e unha en papel:
-
- II volume da Colección Contextos Universitarios Transformadores, que recolle as comunicacións e pósteres das III Xornadas de Innovación Docente.
- Guía de boas prácticas en Aprendizaxe e Servizo na Universidade da Coruña.
- El alumnado con TDAH en la universidad. Guía de buenas prácticas
- Actualizamos as tres convocatorias anuais de relativas a innovación docente e de teleformación:
- Convocatoria de ApS 2019, da que resultaron aprobados 22 proxectos.
- II Convocatoria de Grupos de Innovación Docente (GIDs), pola que se constituiron un total de 84 grupos
- II Convocatoria de Cursos MOOC na que resultaron aprobados 3 novos cursos que se impartirán en MiríadaX ao longo do ano 2020.
Convocamos, coa colaboración da Fundación Abrente, o I Concurso ENKI-UDC para o deseño dun obstáculo para a VI Carreira Enki Galicia, co obxectivo de promover a inclusión de todas as persoas en actividades de ocio e deporte e fomentar a participación de alumnado, mestrado e doutoramento no ámbito do deporte accesible.
- Impartimos dous novos cursos MOOC na plataforma MiríadaX e tamén a segunda edición do noso premiado primeiro mooc “Música para el siglo XXI”:
- Organizamos, en colaboración coa OCV, a I Xornada de Aprendizaxe e Servizo na UDC. A xornada foi todo un éxito de participación e colaboración entre entidades e docentes e brindounos a oportunidade de escoitar a unha das profesoras máis coñecidas e reputadas no ámbito do ApS en España: Pilar Aramburuzabala.
- Celebramos a cuarta edición das Xornadas de Innovación Docente da UDC, con dúas conferencias plenarias, 36 comunicacións orais, 38 pósteres, 4 paneis de experiencias innovadoras e entrega de premios á innovación en Aprendizaxe e Servizo
- Desde a Unidade de Atención á Diversidade organizamos as IV xornadas sobre diversidade na UDC que este ano estivo dedicada á diversidade funcional cognitiva e na que participaron entidades tan interesantes como Plena Inclusión ou A quinta da Arte. A xornada foi de balde pero fíxose unha recollida de alimentos para a cociña económica coas aportacións das persoas asistentes.
- Con motivo do Día Internacional das Persoas con Discapacidade, celebrado o 3 de decembro, dende a nosa universidade, encargada da coordinación do Grupo de Comunicación da Red SAPDU dentro de CRUE-Asuntos Estudiantiles, lanzamos por segundo ano consecutivo unha campaña, este ano denominada #DecalogoSAPDU, na que, a través dun vídeo, poñíase en valor o traballo de todos os servizos de atención das universidades recollendo os valores e principios que aplicamos no noso día a día. A nosa universidade foi a encargada de dar forma a eses principios e crear o vídeo.
- Un dos nosos estudantes de prácticas deste 2019, Iván Vázquez, é moi activo nas redes e nos medios de comunicación e axudounos a dar visibilidade á Unidade de Atención á Diversidade a través dunha reportaxe da TVE para o programa “En lengua de signos“.
- Un ano máis, o proxecto Espazo Compartido segue a formar a rapazas e rapaces con discapacidade intelectual dentro da nosa universidade. Este ano incorporouse a IV promoción deste proxecto, e a segunda xa como título propio da UDC. No 2019 fixemos unha Xornada Formativa de Emprego con Apoios como base para a mellora da empregabilidade do noso alumnado.