2017: Resumo dun ano cheo de proxectos

2017: Un ano máis que chega á súa fin e toca facer balance da actividade do noso equipo durante estes 365 días intensos.

É certo que rematamos o ano algo cansos, pero moi satisfeitos de todos os proxectos que sacamos adiante, da cantidade de persoas que unistes os vosos esforzos aos nosos para levalos a termo e da cálida e agarimosa resposta que sempre nos brindades a todo o que facemos.

Imos facer un reconto breve das actividades e proxectos que sacamos adiante ao longo deste ano:

  • Planos de Formación: fíxose un remodelado bastante importante suprimindo cursos que xa levaban anos impartíndose e substituíndoos por outros novos e de temáticas máis actuais, facendo ademáis unha aposta firme pola formación en liña.
  • Aos nosos propios plans de Formación hai que engadir outras actividades formativas nas que colaboramos como: ciclos de xornadas para alumnado de doutoramento ou cursos en liña para investigadores en colaboración coas bibliotecas (no 2017 lanzouse a 3ª edición con máis de 100 matriculados).
  • Abrimos novas canles de comunicación para estar máis preto de vós: este mesmo blog, conta en instagram, canle en youtube e presentacións en slideshare. Con todas elas complementamos as xa habituais que son a nosa web, facebook e twitter.
  • Estreamos aula de formación con 25 equipos novos no Edif. Xoana Capdevielle

  • Organizamos o curso de verán Docentes conectad@s, que nos deu ocasión para intercambiar coñecementos e experiencias con docentes de distintos niveis educativos e con destacadas personalidades do ámbito da innovación educativa coma Jordi Adell, Alexandre Sotelino, Fátima García, Wicho, Xacobo de Toro, Xosé M. Viñas, Conchi Fernández e moitos máis. Docentes conectad@s: o reto de educar na era dixital
  • Celebramos as II Xornadas de Innovación Docente para poñer en común as experiencias máis innovadoras que se están a poñer en práctica nas nosas aulas. Como novidade, sacaremos o vindeiro ano un libro dixital para recollelas todas e darlle así maior visibilidade ao voso traballo.
  • Organizamos tamén unha xornada sobre ocio, turismo e diversidade funcional que tivo grande éxito de acollida. 
  • Sacamos unha nova convocatoria de Innovación docente en Aprendizaxe-Servizo na que foron certificados 16 interesantes proxectos.
  • Presentamos a I convocatoria de Grupos de Innovación Educativa (GIE) da UDC con grande acollida pola vosa parte: 79 GIEs rexistrados con 550 integrantes.
  • Renovamos Espazo Compartido, o Programa de Formación Sociolaboral para Persoas con Discapacidade Cognitiva da Universidade da Coruña, cuxo proxecto presentamos á convocatoria de axudas para programas universitarios de formación para emprego a xoves con discapacidad intelectual da Fundación ONCE xunto con outras 21 universidades e no que obtivemos a máxima puntuación.

Pois este sería un resumo deste 2017 que remata. Agardamos continuar mellorando e poñendo en marcha máis proxectos coa mesma ilusión o vindeiro ano. Algún está xa “no forno”  e coidamos que vos vai gustar moito 😉 pero deixamos a sorpresa para o ano que vén!!

Aprendizaxe Servizo universitario: cando a aula se expande para mellorar a contorna

team-CCO

A Responsabilidade Social Universitaria é unha das cinco áreas clave recollidas no Plan estratéxico 2013-2020 da Universidade da Coruña co propósito de converter a nosa institución nun motor de cambio social e establecer unha relación bidireccional universidade-sociedade que permita xerar unha dinámica de desenvolvemento social, cultural e económico.

Neste marco de acción, cobra sentido o impulso que desde o CUFIE vimos dando, coa colaboración da Oficina de Cooperación e Voluntariado da UDC, ao Aprendizaxe Servizo nas nosas aulas universitarias.

A Aprendizaxe Servizo (ApS) é unha proposta educativa que combina procesos de aprendizaxe e de servizo á comunidade, na que o alumnado aprende traballando en necesidades reais da súa contorna coa finalidade de mellorala.

Seguir lendo