Remata o 2021. Benvido 2022

Nin nos demos conta pero xa estamos a rematar outro ano máis e, coma sempre, quixemos despedilo felicitándovos o nadal e facendo reconto das actividades que fomos desenvolvendo.

Para felicitar estas festas, escollimos un lema significativo deste ano de transición cara a nova normalidade: Que cousas che gustaría recuperar no 2022? Adiante vídeo!, esperamos que vos guste:

Programas formativos

Durante o 2021, todos os nosos planos formativos continuaron impartíndose en formato virtual para garantir a saúde de profesorado e alumnado. Como novidade, sumamos unha nova colaboración coa Oficina para a Igualdade de Xénero da UDC coa que desenvolvimos o Plano de Formación en Igualdade (PFOIX) destinado tanto a profesorado como a alumnado.

Polo demáis, continuamos coa formación en Software Libre e coa colaboración co Servizo de Bibliotecas da UDC.

Eventos, xornadas e congresos

Comezamos o ano colaborando co grupo de investigación Esculca da Universidade de Santiago na organización do III Simposio Internacional de Aprendizaxe-Servizo na Universidade. Neste Simposio participaron dúas profesoras da UDC dando a coñecer os seus proxectos de ApS: Teresa Piñeiro e Ana Ares

No mes de maio organizamos as V Xornadas de Innovación Docente baixo o lema A nova normalidade académica: leccións aprendidas e retos de futuro. Inscribíronse máis de 200 docentes da UDC que compartiron as súas experiencias de adaptación da docencia ao medio virtual en formato de vídeo-pílulas explicativas. Tivemos tamén conferencias, mesas redondas e obradoiros sobre deseño de materiais accesibles, avaliación, guión audiovisual e dinamización de clases síncronas que foron moi ben valorados polos participantes.

No mes de xullo asistimos ao IV Congreso Internacional de Aprendizaxe Servizo Universitario que se celebrou en Canarias en formato virtual. Nese importante foro demos a coñecer o intenso traballo dos nosos docentes e tamén o noso propio coa comunicación: El ApS en la Universidade da Coruña: proceso de institucionalización y su contribución al logro de los ODS.

En setembro estreamos curso organizando as nosas III Xornadas de Aprendizaxe e Servizo nas que contamos con importantes conferenciantes de distintas universidades nacionais, mesas redondas e obradoiros:

Tamén no mes de setembro, organizamos unhas interesantes xornadas para dar a coñecer o Plano de Acción Titorial (PAT) que se celebraron na Facultade de CC. da Educación:

Cartaz das xornadas do PAT

No mes de outubro participamos no V Congreso Internacional Universidad y Discapacidad organizado pola fundación Once e pola Universidade de Salamanca dando a coñecer o traballo da Rede Sapdu (completar)

Sonia Seijas falando do traballo da ADI

Premios

Durante este ano fixemos dúas convocatorias de premios á innovación docente:

  • II Convocatoria de premios á Innovación Docente en Aprendizaxe-Servizo. Nesta edición, puidemos entregar 6 premios divididos en tres liñas temáticas: Sustentabilidade, Atención á diversidade e Redución das desigualdades.
Docentes premiado/as na II edición dos premios APS
  • Premios “Mellor experiencia docente”: no marco das V Xornadas de Innovación Docente, entregáronse dous premios e un accésit ás mellores experiencias docentes. As gañadoras foron:
    • 1º premio: “Nonna, mi racconti…”: historias de una influencer nonagenaria en el aprendizaje del italiano de Emiliana Tucci. Ver vídeo da experiencia
    • 2º premio: A Universidade Sénior: Derribando barreiras e estereotipos en tempos de COVID de Ana I. Ares Pernas, Susana Iglesias Antelo e Matilde García Sánchez. Ver vídeo da experiencia
    • Accésit: Metodologías activas en la formación inicial del profesorado en orientación, tutoría y diagnóstico de Nuria Rebollo Quintela, Paula Mendiri Ruíz de Alda e Luisa Losada Puente. Ver vídeo da experiencia
Cartaz dos premios a Mellor experiencia docente

Cursos MOOC

Durante os primeiros meses do ano traballamos arreo para ter listos os 3 cursos MOOC que estreamos en maio na plataforma MiríadaX: Teoría de juegos para el desarrollo sostenible, Mentoría en la Universidad: formación de las figuras implicadas e Construcción naval e Industria 4.0. Ademais, impartíronse no mes de marzo as terceiras edicións de dous cursos exitosos: Tecnología para la participación activa en diversidad funcional e Sostenibilidad y Big Data.

Proxectos europeos

Definitivamente, este foi o ano dos proxectos europeos e desde o Cufie quixemos aproveitar a oportunidade sumándonos a varios proxectos moi interesantes. De momento, podemos falarvos de un deles: O proxecto HERIT

Trátase dun proxecto financiado polo programa Erasmus+ que ten como obxectivo apoiar e impulsar a preparación en materia de educación dixital dos/ as propietarios/ as de casas históricas. Por parte da UDC participamos xunto con un grupo de investigadores do CITIC dirixidos por Laura Nieto Riveiro e co Grupo de Estudos Territoriais (GET).

Publicacións

Ao longo deste ano, editamos dúas publicacións dixitais con ISBN e DOI aloxadas no noso repositorio institucional:

Seguramente nos quedan cousas por listar aquí, pero como resumo esperamos que sirva.

Agora vimos decididos a afrontar este novo ano con moita enerxía para emprender novos proxectos e para continuar ofrecéndovos a mellor atención. Ogallá que o 2022 sexa o ano da volta á normalidade e do regreso de todo o que perdimos.

Despedimos o 2020

Remata un ano duro, un ano que estamos desexando esquecer pero que non imos olvidar nunca. Non tivemos tempo a escribir aquí, pero o noso quefacer ao longo deste tempo non só non cesou, senón que se veu exponencialmente incrementado polas circunstancias que nos tocou vivir.

Desde aquí queremos dar as grazas a toda a comunidade educativa da UDC, alumnado, profesorado, PAS e equipo de goberno polo esforzo conxunto que entre tod@s fixemos para sacar adiante o noso labor formativo nun contexto tan pouco propicio.

Agardamos que o ano novo traia consigo moita saúde e que nos permita recuperar esas apertas e encontros dos que tivemos que prescindir durante todos estes meses. Como este ano, máis que nunca, precisamos poñer unha nota de alegría, aquí vos deixamos a nosa felicitación de Nadal 🙂

Resumimos a continuación as nosas actividades ao longo deste ano:

  • A única viaxe do ano foi a Madrid, ás I Jornadas de orientación para la inclusión educativa centradas no papel da orientación na transición e acollida do alumnado con discapacidade na educación superior https://congresos.uned.es/w21362/
  • En maio organizamos a V Xornada de Traballo da Rede SAPDU de xeito virtual e da que levamos a Secretaría de forma provisoria en colaboración coa Universidat de Girona e a Universitat de les Illes Balears dende o mes de abril a outubro.

  • Creamos unha rede de asesores de teleformación para dar soporte ao profesorado nos distintos centros da UDC https://www.udc.es/gl/cufie/TELEFORMACION/RedeAsesores/
  • A finais deste ano, puidemos retomar as gravacións dos nosos MOOC e agardamos ter unhas cantas estreas no vindeiro 2021
Gravacións MUFFIMOOC
  • Organizamos, en colaboración coa OCV, as II Xornadas de Aprendizaxe -Servizo na UDC co lema “Nova ideas para novos escenarios. Nelas contamos con prestixiosas relatoras tanto nacionais como internacionais: Ana Ares e Laura Cruz (UDC), Rosser Battle (Cataluña) e María Rosa Tapia (Arxentina) https://www.udc.es/gl/cufie/INNOVACION/aps/II-Xornada-Aps-na-UDC/
II Xornadas de ApS na UDC
II Xornadas de ApS na UDC
  • Co motivo da celebración do 3 de decembro, Día Internacional das persoas con discapacidade, dentro da Rede SAPDU creamos unha campaña (#impulsoSAPDU) para facer visible o traballo dos servizos de atención ás persoas con discapacidade, sobre todo nun ano tan complicado como o que vivimos.
  • Hai unhas semanas participamos nas xornadas virtuais organizadas por Coruña Dixital, poñendo ao CUFIE no mapa das entidades locais que apostan pola mellora das competencias dixitais da poboación

E, sobre todo, estivemos moi pendentes de vós dando soporte ás múltiples consultas e chamadas que nos fixestes durante este tempo tan duro que nos tocou vivir. Moitas grazas por todo o apoio e o cariño que nos fixestes chegar polas múltiples canles.

Agardamos que o ano 2021 sexa máis doado para tod@s.

Benvido/as ao novo blog do Cufie!

primeiropost-blog-cufie

Hoxe estamos de estrea no Cufie e queremos darvos a benvida a este novo espazo de intercambio de coñecemento no que temos postas moitas ilusións.
Queremos por unha banda, que este blog constitúa un novo punto de encontro, de debate e de diálogo entre o noso servizo e a comunidade universitaria da UDC e por outra, que sirva de ponte entre a nosa universidade e o resto do mundo.  Confiamos en que o que aquí imos compartir sexa de interese e de utilidade para calquera persoa de calquera punto do planeta relacionada co ámbito da educación e da formación.
COMPARTIR, ese é o noso principal obxectivo coa creación desta ventá á aldea global que é a web 2.0. Levábamos un tempo urdindo a maneira de publicar os materiais de apoio á docencia e os proxectos de diversa índole que facemos no Cufie e pensamos que este blog pode ser un bo marco para poñelos a disposición de todo aquel que teña interese.
Quedades todo/as convidado/as a ser parte integrante deste espazo enriquecéndoo mediante as vosas achegas e comentarios.
Sede moi benvido/as!!

Ana, Sonia e David