Contextos Universitarios Transformadores. Publicado o 2º número da colección

Acaba de saír á luz, baixo o lema “Construíndo espazos de aprendizaxe”, o segundo número da colección Contextos Universitarios Transformadores (CUT) .

O novo número agrupa un total de 34 comunicacións e 20 posters que foron presentados no marco das III Xornadas de Innovación da UDC celebradas o pasado mes de novembro de 2018.

Nesta edición atoparedes interesantísimas achegas de propostas innovadoras desenvolvidas nas aulas da UDC, que xiran en torno a 4 liñas temáticas principais:

  • Aplicación educativa das Tecnoloxías da Información e da Comunicación (TIC)
  • Metodoloxías Activas e Recursos para a avaliación
  • Impulso da Responsabilidade Social Universitaria
  • Xestión de centros e Colaboración entre docentes

Portada
Pincha  aquí ou na imaxe para acceder ao libro

Confiamos en que esta iniciativa sexa de utilidade tanto para a aprendizaxe e a formación do profesorado universitario como para abrir as nosas aulas á sociedade en prol do coñecemento e dunha formación universal e aberta.

Desde o CUFIE queremos dar as grazas ao profesorado da Universidade da Coruña pola súa implicación e o seu esforzo pola mellora contínua, tanto dos procesos de aprendizaxe do seu alumnado como da súa propia práctica docente.

 

 

Álbum do Premio Innovación MiríadaX

Como sabedes, o pasado martes 22 acudimos a Madrid á gala de entrega de premios Innovación MiríadaX logo de quedar entre os 10 finalistas ao mellor MOOC do ano co curso “Música para el siglo XXI: aportaciones del software libre a la educación musical”. Este curso, deseñado e impartido en colaboración coa Universidade de Cádiz, foi seleccionado entre máis de 89 candidaturas de 8 países diferentes. Para nós, que acabamos de iniciarnos neste mundo da formación aberta e masiva, estar aí entre os mellores era de por si un auténtico premio ao esforzo e ao traballo de tantos meses.

Desde a idea inicial, que partiu de dúas profesoras que son un exemplo de constancia e tesón – Rocío Chao e Sara Román- ata o producto final, houbo un longo camiño de procura de medios materiais e humanos, de trámites burocráticos e de horas, moitas horas de traballo por parte dos equipos docentes e técnicos de ambas universidades. Desde logo, todos e todas coincidimos en algo: mereceu moito a pena.

Para que vos fagades unha idea rápida da visibilidade que estes cursos outorgan á nosa universidade aquí vos deixamos un mapa co número de inscritos por países:

En definitiva, acudimos a Madrid a profesora Rocío Chao e mais eu, a técnica de teleformación do CUFIE, acompañadas do vicerreitor de Economía, Domingo Calvo en representación da Universidade da Coruña. Alí tivemos ocasión de coñecer persoalmente ao equipo de profesionais de MiríadaX, aos que temos que agradecer profundamente a súa amabilidade e dedicación, así como tamén ao resto de finalistas de outras universidades tanto nacionais como internacionais. Aínda que, como dicía, para nós ese xa foi de por si un premio, resultamos agraciados con un dos catro recoñecementos que figuraban nas bases da convocatoria.

E, como non todo ía ser traballar, tamén fomos convidados a un estupendo almorzo na propia sede de MiríadaX. Unha honra que esperamos repetir en edicións posteriores e… por que non? aspirar a gañar o primeiro premio!

Publicada a I Convocatoria de Grupos de Innovación Educativa da Universidade da Coruña

Inauguramos curso académico con unha nova iniciativa que, sen dúbida, será de grande interese para o noso profesorado e para o persoal investigador: a Vicerreitoría de Oferta Académica e Innovación Docente, en colaboración co CUFIE, acaba de lanzar unha convocatoria para a constitución e recoñecemento de Grupos de Innovación Educativa (GIE).

Os obxectivos que se perseguen son os seguintes:

  • Promover a participación do profesorado en accións de innovación educativa.
  • Fomentar o traballo colaborativo e interdisciplinar mediante asociacións estables de profesores que favorezan a actualización permanente e o desenvolvemento profesional docente.
  • Darlles unha maior proxección e difusión ás actividades de innovación educativa da UDC para adquirir unha maior presenza nos foros educativos nacionais e internacionais.
  • Mellorar o impacto dos procesos de ensino-aprendizaxe e, en xeral, a calidade do ensino impartido na UDC.

Todos os detalles desta convocatoria pódense consultar na sede electrónica da UDC e nesta ligazón á nosa web: http://www.udc.es/cufie/INNOVACION/GIE/IConvocatoria.html 

Como avance, deixámosvos aquí recollidas na seguinte infografía as 5 cuestións clave sobre os GIE. Esperamos que sexa un éxito!

GIE-Infografia

Docentes conectad@s: o reto de educar na era dixital

Docentes conectad@s: o reto de educar na era dixital

Docentes contectad@s: o reto de educar na era dixital é o título do curso de verán organizado polo CUFIE que se vai celebrar os días 10 e 11 de xullo na Facultade de CC. da Educación do campus de Elviña.

A nosa intención foi crear un punto de encontro, unha ocasión para reunir a docentes de niveis educativos diferentes para debater, poñer en común ideas e proxectos e crear sinerxias que lles permitan traballar xuntos arredor dos novos paradigmas educativos que están a xurdir no contexto da era dixital e conectar as aulas coas necesidades dunha sociedade en permanente cambio.

Titulámolo Docentes conectad@s para facer fincapé na necesidade de establecer conexións e de tecer fíos entre os distintos actores implicados na construción dunha educación de calidade:

  • Conexión das aulas con unha sociedade cambiante que esixe unha actualización permanente das metodoloxías e das ferramentas coas que se densenvolve a docencia.
  • Conexión do/as docentes entre sí, porque a calidade do ensino na era dixital pasa ineludiblemente polo traballo colaborativo e a creación de redes de profesionais que aprendan xuntos compartindo coñecemento.
  • Conexión docentes-alumnado a través de ferramentas, estratexias didácticas e metodoloxías activas que poñan ao alumnado no centro do proceso de ensino-aprendizaxe.
  • Conexión docentes-tecnoloxía educativa que posibilite a mellora e actualización da competencia dixital docente.

Seguir lendo