Os pasados 27 e 28 de maio celebramos en formato virtual as V das Xornadas de Innovación Docente e, coma todos os anos, queremos compartir con vós os resultados e impresións.
Esta edición tan especial, celebrada baixo o lema A nova normalidade académica: leccións aprendidas e retos de futuro, tivo unha acollida que nos sorprendeu gratamente. Pero vexamos os datos antes de sacar conclusións:
O programa
A organización do programa supuxo un reto importante debido á falta de presencialidade. A nosa intención foi dar o maior protagonismo posible ás persoas participantes. É por iso que tan só houbo un relatorio plenario, mentras que o resto do tempo repartiuse de xeito que se outorgase un papel activo aos asistentes mediante mesas de debate, obradoiros prácticos e vídeo-comunicacións.
A secuencia temporal destas xornadas foi novidosa tamén, pois tivo unha fase asíncrona durante a cal se elaboraron, compartiron, visualizaron e votaron as achegas en formato vídeo-comunicación e unha fase síncrona durante as mañáns dos días 27 e 28 para o desenvolvemento dos distintos eventos do programa.

A participación
Esta edición resultou ser unha das máis numerosas en canto a participación e asistencia, con un total de 216 persoas inscritas e de 60 video-comunicacións presentadas. Cabe destacar ademais que a asistencia se mantivo constante ao longo dos dous días mesmo ata o venres a última hora, cousa que non ocorría no formato presencial.

O relatorio plenario
O relatorio plenario, baixo o título “Claves de la docencia en tiempos de pandemia y retos de futuro”, estivo a cargo da directora de Deusto Online, Sonia Arranz Turnes quen, como era de agardar, non defraudou.
Tal como recolle a gráfica anterior, foi a que acadou maior grao de participación e tanto a charla en si mesma coma o debate xurdido despois foron moi enriquecedores. Sonia achegounos valiosos consellos e recursos para o exercicio da docencia e da aprendizaxe en medios telemáticos.
Deixámosvos aquí a gravación da súa intervención por se queredes tomar nota dos seus interesantes consellos:
A mesa redonda
Logo do relatorio, celebrouse unha mesa redonda moderada por José A. García Naya, director do Cufie.
O debate centrouse na posta en común das principais ideas e experiencias relatadas nas videocomunicacións presentadas e tamén, supuxo unha ocasión perfecta para compartir as inquedanzas, éxitos e impedimentos que a situación de emerxencia sanitaria trouxo consigo durante estes meses pasados.

Os obradoiros
Durante a mañá do día 28 de maio, tiveron lugar os catro obradoiros que denominamos “Laboratorios de retos”, pois estiveron organizados en torno a un reto que as persoas asistentes debían resolver por grupos coa axuda do profesorado experto encargado de cada obradoiro.
A continuación podedes ver unha pequena galería con fotos do desenvolvemento de cada un deles:
Os premios
Convocáronse dous premios á mellor experiencia de adaptación á docencia virtual: o 1º premio, dirimido por un xurado externo de expertos e o 2º premio, que decidían os propios participantes a través dos seus votos. A emoción sobre o primeiro premio mantívose ata o final e o xurado tivo bastante difícil a decisión.
Finalmente, resultou gañadora a experiencia “Nonna, mi racconti…”: historias de una influencer nonagenaria en el aprendizaje del italiano da profesora Emiliana Tucci. O segundo premio estivo moi reñido, pois ás 15:00 horas do día 27 ían empatadas a puntos dúas experiencias. Para desempatar, decidiuse acudir ás puntuacións do xurado externo resultando gañadora do 2º premio a experiencia “A Universidade Sénior: Derribando barreiras e estereotipos en tempos de COVID” das profesoras Ana I. Ares Pernas, Susana Iglesias Antelo e Matilde García Sánchez. Sen embargo, a vicerreitora Nancy Vázquez quixo premiar tamén á outra experiencia que quedou ao mesmo nivel de puntos concedéndolle un accésit. Trátase da experiencia “Metodologías activas en la formación inicial del profesorado en orientación, tutoría y diagnóstico” das profesoras Nuria Rebollo Quintela, Paula Mendiri Ruíz de Alda e Luisa Losada Puente.
Deixámosvos algunhas fotos do acto de entrega de premios, así como tamén a gravación que vos recomendamos visualizar se non puidestes no seu momento porque foi moi divertida e emotiva.
Medallas Entrega do 2º premios, con Matilde García, directora da Sénior Entrega do accésit coa profesora Luisa Losada Emiliana Tucci, gañadora do 1º premio Susana Iglesias, Matilde García e Ana Ares, gañadoras do 2º premio Nuria Rebollo, Paula Mendiri e Luisa Losada, gañadoras do accésit
As valoracións
Tal como afirmou a vicerreitora Nancy Vázquez na súa presentación, co esforzo e dedicación de todos e todas conseguimos facer posible o que parecía imposible.
Sen dúbida nunca deixaremos de ser unha universidade presencial, pero esta crise sanitaria marcou un antes e un despois na nosa actividade académica. Bo reflexo disto é a boa acollida que tiveron estas xornadas mesmo usando exclusivamente formatos dixitais, o cal denota que definitivamente perdemos o medo ao uso de novas ferramentas e de novos contextos de aprendizaxe.
Deixámosvos cos resultados da enquisa de valoración e dámosvos as grazas un ano máis pola vosa participación e o voso interese. Agardámosvos nunha próxima edición, de seguro menos condicionada pola pandemia e en formato híbrido ou mixto, segundo a preferencia maioritaria que denotan os resultados da enquisa.