III Xornadas de Innovación Docente: un ano máis que compartimos, debatimos e aprendimos xuntos.

Hai uns días que remataron as III Xornadas de Innovación Docente da UDC e queremos, coma sempre, compartir con vós os resultados e impresións que fomos recollendo durante os dous días que durou esta edición.

Temos que dicir que en xeral, quedamos coa idea de que este ano melloramos en bastantes aspectos con respecto a edicións anteriores e queremos que saibades que ese optimismo e esa enerxía positiva debémosvola a todos e todas os que asististes. Por iso, e ante todo, MOITÍSIMAS GRAZAS.

20181108_093820
Inauguración oficial das III XID polo reitor Julio Abalde, a vicerreitora Nancy Vázquez e o decano da fac. de CC. da Educación, Manuel Peralbo.

Imos pois cos datos:

  • O programa

Como podedes ver no programa, esta edición – seguindo as vosas suxerencias do ano anterior- tratamos de facela máis dinámica repartíndoa en dous días e reducindo os horarios de tarde. Coidamos que isto facilitou bastante a asistencia.

  • O público

Por outro lado, seguramente grazas ao traballo de difusión no que colaborou moitísimo o noso relator convidado Antonio Fernández-Coca, o número de inscritos incrementouse significativamente respecto de edicións anteriores chegando a superar os 200 inscritos este ano.

  • O relator convidado: Antonio Fernández-Coca

Como era de agardar, a charla do noso convidado non só non defraudou, senón que batiu récords de asistencia con respecto a edicións anteriores e tivo unha grande repercusión, como veremos logo, nas  redes. Isto débese ao inxente traballo transmedia que fixo Antonio programando unha serie de chíos e de vídeos na súa canle de youtube, que ían publicándose secuencialmente segundo avanzaba a súa charla. Xenial!

  • Comunicacións, pósters e paneis de experiencias

Tamén seguindo as vosas suxerencias, aprobáronse un maior número de comunicacións e pósters con respecto a anos anteriores (39 comunicacións, 4 paneis de experiencias e 23 pósters). Asimesmo, agrupáronse as mesas de comunicacións por áreas temáticas para facilitarvos a selección de mesa aos asistentes. O que non logramos foi agrupar todas as mesas nunha soa planta da facultade tal como demandastes na edición anterior. Isto débese a que son días lectivos e dependemos das aulas nas que non haxa clases.

  • GIEncontros

Como novidade nesta edición, integráronse no marco das xornadas os GIEncontros cuxo obxectivo era a posta en común do traballo que realizaron os Grupos de Innovación Educativa da UDC. Coidamos que aquí foi onde tivemos máis problemas de organización debido á masiva asistencia dos integrantes dos GIE que dificultou a xestión dos tempos de intervención de cada un. Temos máis de 70 GIEs rexistrados e só 30 deles confirmaran inicialmente a súa asistencia, sen embargo, acudiron prácticamente a totalidade. Por esta vez, quedámonos con ese dato positivo do interese suscitado por este encontro. O ano que vén, tentaremos organizalo doutro xeito para darvos voz a todos os interesados.

20181109_121658
A vicerreitora Nancy Vázquez moderando os GIEncontros
  • Clausura e entrega de diplomas do PFI

Para rematar tivemos un acto moi emotivo onde o director do Cufie, Enrique de la Torre e a Vicerreitora Nancy Vázquez entregaron os diplomas aos profesores noveles que remataron con éxito o novo plan bianual de formación en modalidade integramente virtual posto en marcha polo Cufie. Parabéns a esa nova canteira docente da UDC!!

Dous días pois cargados de experiencias e emocións que sempre nos deixan un pouso de tristura cando rematan e unha inmensa ansia de superación para a seguinte edición.

Aquí podedes ver todos os chíos deses dous días en Twitter: https://twitter.com/i/moments/1060167535096745984 cos que logramos 7.700 impresións. Tamén en Facebook, a nosa páxina gañou 10 seguidores  novos durante a semana das Xornadas.

Para rematar, velaquí os resultados da enquisa de valoración que moi amablemente cubristes moito/as do/as asistentes:

Coma sempre, ficamos moi atentos aos resultados e aos comentarios e suxerencias que nos facedes chegar. Unha aperta e ata as próximas xornadas!!

 

 

Docencia, paixón e vocación: a receita do éxito de Antonio Fernández-Coca

Un-café-con-Banner

O protagonista do noso café de hoxe é Antonio Fernández-Coca, convidado de excepción que impartirá a conferencia plenaria das III Xornadas de Innovación Docente da UDC do próximo día 8 de Novembro.

antonio-whatsapp1-290x290Profesor titular da área Expresión Gráfica en Arquitectura, doutor en informática na Universitat de les Illes Balears (UIB), mestrado europeo en imaxe de síntese e animación por ordenador (MA ISCA) e licenciado en Belas Artes, exerce como docente, ilustrador e ademáis, como Vicerreitor de Campus Dixital e Transmedia da UIB.

Pero nós queremos que coñezades ao auténtico Antonio que hai detrás de todos eses títulos:  un xoven de 52 anos recén cumpridos de orixe xerezana, criado en Sevilla, orgulloso neto de artesán zapateiro, inquedo, bulideiro, creativo, innovador, multidisciplinar e transversal, que pon tal paixón a todo o que fai que é imposible non contaxiarse da enerxía que irradia.

Nesta súa páxina el mesmo fai un resumo do seu interesante periplo de vida e das dificultades que tivo que enfrontar ante a drástica reducción horaria que sufriu a materia que imparte co plan Bolonia.

Baixo o título “Hay que salir del armario para entrar en el armario: diario de una experiencia docente innovadora” compartirá con vós as claves da súa premiada e recoñecida estratexia Docencia 4.0 (360º), toda unha filosofía docente que vai moito máis alá do mero uso das TICs na aula como potencial estímulo de cambio. Velaquí un breve adianto do que nos vai contar:

Alén diso, aquí queda unha proba máis de que o noso convidado é quen de demostrar con tan só 3 palabras (Docencia, paixón e vocación) e 1 minuto de vídeo, que a súa conferencia vai marcar un punto de inflexión para todo/as aqueles que levades tempo á procura dun cambio de rumbo na vosa docencia:

Tan só quedan dous días para inscribirse gratuitamente AQUÍ, vémonos na Facultade de CC. da Educación o próximo 8 de novembro!

Programa completo das III Xornadas de Innovación Docente

Hoxe falamos de #MOOCS con ÁNGEL FIDALGO

Un-café-con-Banner

No marco das accións encamiñadas a formar ao profesorado da UDC que está a deseñar os seus cursos MOOC, convidamos a un experto con grande experiencia e premiada traxectoria neste ámbito: o profesor Ángel Fidalgo, da Universidade Politécnica de Madrid. Seguramente moitos de vós o coñecedes grazas ao seu blogue Innovación Educativa ou mesmo fostes alumnos dalgún dos seus Moocs en MiríadaX.

angelfidalgo-taller

Imaxe do Obradoiro que o profesor Fidalgo impartiu no CUFIE o pasado 3 de maio

O caso é que aproveitando que o profesor Fidalgo se desprazou á Coruña para impartir aos nosos profesores un obradoiro de elaboración de MOOCs, prantexámoslle algunhas cuestións como:

  • Son os MOOC unha moda que xa pasou ou seguen estando vixentes?
  • Deben as universidades facer unha aposta seria polos MOOC?
  • Que poden aportar aos profesores?

Non só se prestou moi amablemente, senón que ademáis, grabou en vídeo toda a entrevista e púxoa a disposición de todos nós. Aquí podedes vela (e pedimos desculpas polas faltas de ortografía do texto, pois a idea inicial non era que fose público):

Moitísimas grazas profesor polo obradoiro, polos azos e por facernos máis doado o camiño aos que comezamos a andadura!

 

 

Reporte das II Xornadas de Innovación Docente e un pouco de autocrítica

O pasado venres día 27 de outubro, celebramos na Facultade de CC. da Educación a segunda edición das Xornadas de Innovación Docente organizadas polo Cufie.

Estamos contentos porque este ano incrementáronse notablemente tanto a cifra de inscritos coma a de propostas de comunicacións e pósteres por parte do/as noso/as docentes. Isto é para nós un indicador claro do interese que despertan este tipo de iniciativas e lévanos a pensar que imos polo bo camiño no que ao fomento da innovación docente universitaria se refire.

Nesta ocasión, tamén os medios se fixeron eco do evento con unha entrevista ao noso director, Enrique de la Torre, que podedes ler AQUÍ.

Nesta ligazón vos deixamos algunhas fotos de como se desenvolveu a xornada:
http://slide.ly/view/db79cff48d192145a916ae1154a9f500

Sempre que organizamos este tipo de eventos nos quedamos coa mellor parte de todas que é o afecto e o cariño que nos amosades todas as persoas que asistides. Para nós ese calor supón unha impagable inxección de enerxía positiva que nos impulsa a seguir. Así vos dábamos as grazas nas redes sociais ao día seguinte das Xornadas:

grazas

Pero sempre hai cousas que mellorar e para iso, debemos agradecervos tamén a participación na enquisa de valoración e, sobre todo, as útiles suxerencias de mellora que algúns nos fixestes chegar. Aquí podedes ver os resultados:

 

En conclusión, faise evidente que debemos mellorar cando menos nos seguintes aspectos:

  • Diminuir a diferencia entre número de inscritos e asistentes.
  • Buscar fórmulas para poder aceptar máis pósteres, así como mellorar o espazo para a súa exposición.
  • Favorecer a asistencia ás comunicacións simultáneas con melloras como:
    • Agrupalas por temáticas ou áreas de coñecemento
    • Situar as distintas mesas en aulas cercanas dentro da mesma planta para facer máis doado o cambio de mesa aos interesados.
  • Dar máis difusión ás Xornadas 
  • Publicar os resumos antes da celebración das Xornadas para que as persoas asistentes poidan saber que comunicacións ou pósteres son do seu interese.

Tomamos nota para seguir mellorando e esperamos contar con todos vós o ano próximo!

Publicada a I Convocatoria de Grupos de Innovación Educativa da Universidade da Coruña

Inauguramos curso académico con unha nova iniciativa que, sen dúbida, será de grande interese para o noso profesorado e para o persoal investigador: a Vicerreitoría de Oferta Académica e Innovación Docente, en colaboración co CUFIE, acaba de lanzar unha convocatoria para a constitución e recoñecemento de Grupos de Innovación Educativa (GIE).

Os obxectivos que se perseguen son os seguintes:

  • Promover a participación do profesorado en accións de innovación educativa.
  • Fomentar o traballo colaborativo e interdisciplinar mediante asociacións estables de profesores que favorezan a actualización permanente e o desenvolvemento profesional docente.
  • Darlles unha maior proxección e difusión ás actividades de innovación educativa da UDC para adquirir unha maior presenza nos foros educativos nacionais e internacionais.
  • Mellorar o impacto dos procesos de ensino-aprendizaxe e, en xeral, a calidade do ensino impartido na UDC.

Todos os detalles desta convocatoria pódense consultar na sede electrónica da UDC e nesta ligazón á nosa web: http://www.udc.es/cufie/INNOVACION/GIE/IConvocatoria.html 

Como avance, deixámosvos aquí recollidas na seguinte infografía as 5 cuestións clave sobre os GIE. Esperamos que sexa un éxito!

GIE-Infografia