A nova normalidade académica: leccións aprendidas e retos de futuro

Baixo este lema tan significativo da era que estamos a vivir celebraremos os próximos 27 e 28 de maio a V edición das Xornadas de Innovación Docente na UDC.

Cartaz das V Xornadas de Innovación Docente

Vai ser unha edición moi especial e moi diferente ás anteriores, non só porque será totalmente virtual e con participación a través de vídeo-comunicacións, senón porque os participantes xa non somos os mesmos como docentes nin como alumno/as logo desta adaptación forzosa ao ensino en remoto. Querendo ou non, vímonos na obriga de adaptarnos e de aprendermos axudándonos uns a outros para superar os numerosos obstáculos que nos foron aparecendo nese tortuoso camiño. Por iso, porque cada un de nós ten moreas de experiencias que contar, estas xornadas van ser máis interesantes ca nunca.

Son moitas pois as leccións aprendidas e agora toca poñelas en común para non deixar de aprender e para compartir éxitos, fracasos e preocupacións polo futuro.

Pola nosa banda, preparamos un encontro distinto, onde a vosa voz como participantes teña pleno protagonismo a través de participacións en vídeo e de mesas redondas. Ademais, deseñamos un laboratorio de retos onde vos enfrontaredes por grupos, poñéndovos na pel de auténticos alumnos virtuais, á resolución de catro retos relacionados coa docencia virtual lanzados por algúns dos nosos mellores docentes dos que, de seguro, aprenderedes moito.

  • Dinamizando as nosas clases virtuais síncronas. Thais Pousada e Laura Nieto
  • Deseñando materiais didácticos accesibles. Iago Santalla
  • Diversificando a avaliación. Juan Carlos Brenlla
  • Guión audiovisual para vídeos educativos. Manuel García Torre

Teremos a sorte de contar con unha poñente de excepción para a conferencia plenaria: Sonia Arranz Turnes, a directora de eCampus, a unidade de asesoría e soporte para a formación online da Universidade de Deusto. Elixímola a ela porque é unha persoa con un coñecemento e unha experiencia moi acreditada no campo do e-learning e tamén porque estar á fronte de eCampus durantes estes meses, outorgoulle unha visión de 360º sobre as dificultades ás que se enfrontaron tanto docentes como alumnos como PAS no proceso de transformación da docencia e da aprendizaxe.

Sonia Arranz Turnes

Outra novidade desta edición é que a Vicerreitoría de Planificación Académica e Innovación Docente quere premiar a dedicación e o esforzo do profesorado mediante a concesión de dous premios ás mellores experiencias de adaptación á docencia en remoto presentadas a través das video-comunicacións. Haberá un primeiro premio dirimido por unha comisión de expertos externa e un segundo premio outorgado polos votos do público aos vídeos (podes ver as bases aquí)

Animádevos a participar! agardámosvos a todos e todas!

III Xornadas de Innovación Docente: un ano máis que compartimos, debatimos e aprendimos xuntos.

Hai uns días que remataron as III Xornadas de Innovación Docente da UDC e queremos, coma sempre, compartir con vós os resultados e impresións que fomos recollendo durante os dous días que durou esta edición.

Temos que dicir que en xeral, quedamos coa idea de que este ano melloramos en bastantes aspectos con respecto a edicións anteriores e queremos que saibades que ese optimismo e esa enerxía positiva debémosvola a todos e todas os que asististes. Por iso, e ante todo, MOITÍSIMAS GRAZAS.

20181108_093820
Inauguración oficial das III XID polo reitor Julio Abalde, a vicerreitora Nancy Vázquez e o decano da fac. de CC. da Educación, Manuel Peralbo.

Imos pois cos datos:

  • O programa

Como podedes ver no programa, esta edición – seguindo as vosas suxerencias do ano anterior- tratamos de facela máis dinámica repartíndoa en dous días e reducindo os horarios de tarde. Coidamos que isto facilitou bastante a asistencia.

  • O público

Por outro lado, seguramente grazas ao traballo de difusión no que colaborou moitísimo o noso relator convidado Antonio Fernández-Coca, o número de inscritos incrementouse significativamente respecto de edicións anteriores chegando a superar os 200 inscritos este ano.

  • O relator convidado: Antonio Fernández-Coca

Como era de agardar, a charla do noso convidado non só non defraudou, senón que batiu récords de asistencia con respecto a edicións anteriores e tivo unha grande repercusión, como veremos logo, nas  redes. Isto débese ao inxente traballo transmedia que fixo Antonio programando unha serie de chíos e de vídeos na súa canle de youtube, que ían publicándose secuencialmente segundo avanzaba a súa charla. Xenial!

  • Comunicacións, pósters e paneis de experiencias

Tamén seguindo as vosas suxerencias, aprobáronse un maior número de comunicacións e pósters con respecto a anos anteriores (39 comunicacións, 4 paneis de experiencias e 23 pósters). Asimesmo, agrupáronse as mesas de comunicacións por áreas temáticas para facilitarvos a selección de mesa aos asistentes. O que non logramos foi agrupar todas as mesas nunha soa planta da facultade tal como demandastes na edición anterior. Isto débese a que son días lectivos e dependemos das aulas nas que non haxa clases.

  • GIEncontros

Como novidade nesta edición, integráronse no marco das xornadas os GIEncontros cuxo obxectivo era a posta en común do traballo que realizaron os Grupos de Innovación Educativa da UDC. Coidamos que aquí foi onde tivemos máis problemas de organización debido á masiva asistencia dos integrantes dos GIE que dificultou a xestión dos tempos de intervención de cada un. Temos máis de 70 GIEs rexistrados e só 30 deles confirmaran inicialmente a súa asistencia, sen embargo, acudiron prácticamente a totalidade. Por esta vez, quedámonos con ese dato positivo do interese suscitado por este encontro. O ano que vén, tentaremos organizalo doutro xeito para darvos voz a todos os interesados.

20181109_121658
A vicerreitora Nancy Vázquez moderando os GIEncontros

  • Clausura e entrega de diplomas do PFI

Para rematar tivemos un acto moi emotivo onde o director do Cufie, Enrique de la Torre e a Vicerreitora Nancy Vázquez entregaron os diplomas aos profesores noveles que remataron con éxito o novo plan bianual de formación en modalidade integramente virtual posto en marcha polo Cufie. Parabéns a esa nova canteira docente da UDC!!

Dous días pois cargados de experiencias e emocións que sempre nos deixan un pouso de tristura cando rematan e unha inmensa ansia de superación para a seguinte edición.

Aquí podedes ver todos os chíos deses dous días en Twitter: https://twitter.com/i/moments/1060167535096745984 cos que logramos 7.700 impresións. Tamén en Facebook, a nosa páxina gañou 10 seguidores  novos durante a semana das Xornadas.

Para rematar, velaquí os resultados da enquisa de valoración que moi amablemente cubristes moito/as do/as asistentes:

Coma sempre, ficamos moi atentos aos resultados e aos comentarios e suxerencias que nos facedes chegar. Unha aperta e ata as próximas xornadas!!