A Unidade de Formación e Asesoramento (UFA) crease en febreiro do 2004, formando parte do Centro Universitario de Formación e Innovación Educativa (CUFIE), o cal depende da Vicerreitoría de Oferta Académica e Innovación Docente.
A misión coa que nace a UFA é facilitar a formación e proporcionar o asesoramento necesario nos diversos aspectos do proceso de ensino/aprendizaxe para o profesorado e alumnado da Universidade da Coruña, orientado a unha mellora da calidade deste proceso. Sendo a súa visión a de levar a cabo diferentes programas de apoio, axudas e premios para propiciar esta mellora e tendo en conta os diferentes cambios que se producen no sistema educativo.
Dende a creación do CUFIE, vense proporcionando ao profesorado unha oferta crecente de recursos formativos dirixidos á súa actualización docente e a proporcionarlles coñecementos e ferramentas pedagóxicas con que realizar máis eficazmente o seu labor.
Xa coa creación da UFA, e de acordo coas Liñas estratéxicas da Universidade da Coruña para a converxencia ao Espazo Europeo de Ensino Superior, concrétase que o proceso de formación non vai só dirixido ao profesorado universitario (Plano de Apoio ao Ensino, PAE), senón que unha gran parte das propostas que se fan son de interese tamén para estudantes (Plano de Apoio á Aprendizaxe, PAA), o profesorado novel (Plano de Formación Inicial, PFI) e, como novidade deste ano, un Plano de Apoio ao Doutoramento e á Investigación (PAI), en colaboración coa Escola Internacional de Doutoramento da UDC.
Para calquera consulta ou incidencia relacionada cos ámbitos de actuación da UFA poden chamar ás extensións 5622 e 5623 ou escribir un email a ufa@udc.es.